Manual Linares de manipulación da palleta



Aclaracións previas

Este pequeño texto está dirixido a xente que ten consciencia da problemática da afinación na gaita galega, non está pensado como manual de iniciación.

O termo afinación fai referencia á altura xeral do punteiro, é coma un eixo de referencia, mentres que compensación quere dicir alturas relativas das notas e como se axustan estas a unha escala modelo que nós eleximos: temperada, natural, físico-armónica, ou calqueira outro tipo de escala. Na nosa mente faremos sempre referencia a escala maior de entonación tamén coñecida como escala natural, pero queda reflectido que todas as operacións poden ser de aplicadas a calqueira tipo de escala.

Obxectivos e introducción

Se pretende con este texto exponer os recursos necesarios para a correcta afinación en altura e compensación do punteiro.

Emprégase sistema de notación en Do.

Non entraremos nas influencias climáticas que hai sobre o punteiro, porque para ser riguroso requiren un estudio específico, e para o noso cometido, considero que toda persoa que lea este texto estará familiarizada cos problemas climáticos e os efectos que estes teñen sobre a palleta.

Á hora de tratar unha palleta hai 2 problemas que é importante ter en conta:
- Os procesos de raspado e despunte son procesos nos que sempro hai perda de material e polo tanto, irreversibles. Hai que darse conta que cada vez manipulamos a palleta estamos acortando a súa vida útil.

- Os procesos de modificación da abertura constan, dunha parte de deformación plástica e outra elástica, polo que a continua manipulación neste senso provoca un descenso en cualidades tímbricas e da durabilidade da palleta.

Por estas razóns, tentaremos conseguir unha altura prevista, dureza, timbre e compensación previa que necesitemos dun xeito aproximado, xa que a exactitude de hoxe será inexactitude e perda de características mañá.

Para un axuste fino usaremos cinta de celo.

Ferramentas de traballo

- Fío de perlé nº12.
- Alicates pequenos planos.
- Taco de madeira.
- Navalla.
- Pedra de afiar.
- Lixa 400 de auga.

A numeración é de carácter orientativo, consideramos estos elementos como o material básico para a afinación da palleta.

Cantidade de material

As palletas na actualidade chegan "plug and play", ou polo menos eso se pretende, cun control de calidade realizado polo feitor, de modo que nos faremos unha pequena posta a punto para a súa utilización.

Cabe suliñar que dentro da gaita galega hai unha serie de conceptos en canto o xeito de construír os punteiros que fan que palleta e punteiro estén nunha relación simbiótica. Deste xeito as palletas están pensadas para un modelo en concreto de punteiro, o propio artesán de gaitas nos pode dar referencia de quen é o palleteiro adecuado para os punteiros da súa feitura.

Unha maior cantidade de material afecta ás seguintes características:

- Maior presión para producir sonido e polo tanto maior dureza.
- Timbre mais rudo, agudo, cheo de armónicos.
- Afinación mais aguda.
- Maior estabilidade da afinación.
- Dificultade de afinación nalgunhas tranquillas.
- Menor cantidade de alternativas á hora de empregar dixitacións.

Lonxitude

Maior lonxitude implicará sempre unha afinación mais grave.

Esta é unha característica na que nos so poderemos actuar mediante un despunte, o que si podemos é escoller lixeiras variacións da palleta en función do uso que lle vaiamos a dar, así para o verán converá ter unha palleta lixeiramente mais longa que compense os efectos da suba de tempertura.

Ancho

Cando falamos de ancho nos estamos referindo o ancho na zona superior da palleta.

Un menor ancho sube a afinación, e falando de compensación sube toda a gama aguda. Este efecto é especialmente sensible nas tranquillas, polo que debemos ter moito coidado se decidimos manipula-lo mediante un raspado lateral.

Abertura

A abertura da palleta estará controlada polo frenillo da palleta, o que esto provoca é que teñamos un límite de apertura do que non poidamos pasar ( tope oval), de forma que a elasticidade do material se encargue de devolver a palleta ata este tope se pretendemos abrir por enriba de este límite. Así mesmo haberá un límite para pecha-la palleta a partir do cal, e sen cegar a pechala, o punteiro se convirta en algo totalmente impredecible.

O que se regula ca abertura é o gasto de aire, xerando un maior gasto de aire canto mais abramo-la palleta, i en menor medida un aumento de presión por poñer á palleta nunha situación mais forzada.

Os principais efectos que se producen mediante unha apertura son:
- Afinación mais grave.
- Maior volume de son.
- Timbre mais rudo e cheo de armónicos.
- Maior estabilidade para temperar.
- Compensación: acúsase mais o efecto na gama alta do punteiro.
- Problemas de afinación con algunhas tranquillas.
- Menor cantidade de alternativas á hora de empregar dixitacións.

Altura

Con este termo nos referimos a posición relativa de palleta con respecto ó punteiro. Variaremo-la altura coa axuda de fío. A modificación da apertura da palleta tiña límites físicos e outros de utilización, pois ben, esto sucede exactamente igual coa altura da palleta.

Unha maior elevación da palleta provocará:

- Afinación mais grave.
- Compensación: acúsase mais o efecto na gama alta do punteiro. Esto é debido a conicidade interna do punteiro e a que a variación relativa de distancia e maior nesta zona.

Ángulo

Entendemos por ángulo o que se forma na parte mais baixa da zona de raspado entre as dúas beiras que quedan con cana sen raspar.

Esta é unha característica moi delicada de modificar, polo que a teremos en conta á hora de compra-la palleta.

Un ángulo agudo e marcado provocará que a nivel de compensación a gama aguda esté mais alta, pola contra un ángulo mais suave e redondeado provocará o efecto contrario. Esto está directamente relacionado coa cantidade de cana que a palleta ten.

Raspado

O efecto do raspado é unha reducción de material, polo que sempre estaremos baixando a altura de afinación do punteiro.

A palleta poñerase mais blanda.

Raspado frontal.

Diferenciamos 3 zonas en función da altura da palleta que vaiamos a modificar:

- Ángulo (xa explicada).
- Zona media - Compensación: o efecto será de maior importancia na zona aguda do punteiro.
- Zona alta - Compensación: efecto menos acusado que se o rascado é na zona media ou xeral.
Unha característica importante deste tipo de raspado é que as notas Lab e Sib subirán a nivel de compensación, non de afinación.
Un raspado na zona frontal superior externa fai que suba a compensación da nota Mi.
- Outro efecto interesante a nivel de compensación e que estabiliza a nota Mib, xa que cando a palleta está "brava" esta é unha nota que soe "doblar" facendo que nos de un Mi.

Raspado lateral.

Esta técnica está xa explicada cando falamos do ancho.


En xeral, o raspado efectuarémolo cunha lixa 400 de auga, tendo coidado de que as dúas láminas da palleta queden igualadas, para rematara i elimina-los surcos da lixa usaremos unha navalla, esto é importante para non deixar un camiño de fisuración , de forma que quede uniforme


Despunte

Este é un proceso delicado para o que usaremos unha navalla, os principais efectos que provoca son:

- Afinación mais aguda.
- A palleta vólvese mais basta, cos efectos de dureza, timbre que esto provoca.
- As tranquillas se volven moito mais agudas.
- Un despuntado pequeño pode subir a nota Sol a nivel de compensación.

Agradecementos e rogos

Moitas gracias ó señor Linares por perde-lo tempo con nós e mostrarnos o que conseguiu tras horas de experimentación para poder abandonar de unha vez por todas o ocultismo típico de toda actividade artesanal, aínda que el mesmo manifesta ser un fiel practicante de esta "relixión".

Este é un texto que, por anónimo que é, aspira a ser fotocopiado e divulgado por canta mais xente mellor, espero que esto non pareza apoloxía da deforestación.

O Sr. Linares fixo unha primeira revisión do texto, non estando este optimizado a día 27 de Xuño de 2002.


Enviade calqueira suxerencia, crítica ou que vos pete a:

pablotorneiro@hotmail.com


Se tes algo que dicir: José J. Presedo.