Eu


Non é tan fero o león como o pintan.

José Juan Presedo Díaz naceu o 19 de Marzo do 1959 en Ouces, parroquia do coruñés concello de Bergondo. Atopou moi cedo o gusto pola gaita indo tras dos gaiteiros que daban as alboradas nas festas de San Xoán e da Fragachán. O primeiro que recordo é despertar ás 8 da mañá cun foguete e os Cinco de Galicia, co triste e recientemente finado Leonardo Corral a unha das gaitas, tocando unha muiñeira na porta da casa; faltábame tempo para poñer os pantalóns, calza-las botas e saír sin almorzar para pillalos antes de que chegaran ó Casal. Nembargantes non botou unha gaita ó lombo ata os 16 anos na banda de cornetas, tambores e gaitas do Fogar da Xuventude de Sada e de seguida fundou xunto con Antonio López, Xosé Filgueiras e Manolo Naya o cuarteto 'Alborada' no que de xeito basicamente autodidacta se formou nos saberes da gaita, aprendendo pezas de Manolo 'o gaitas' de San Cidre (Bergondo) e Mallou, percusionista e gaiteiro de 'Os Mariñáns' de Guísamo. Máis tarde funda o grupo de gaitas da Sociedade Recreativa, Cultural e Deportiva de Sada, exercendo como coordinador da sección de música e actuando como gaiteiro para o grupo de baile. Na mesma Sociedade entra en contacto con Manolo Carro, con quen forma parella para seguir percorrendo as festas e escenarios da comarca con dúas gaitas en Si bemol fabricadas por D. José Bao da Coruña.

Daquela iníciase no solfexo e comenza unha frenética caza e captura de partituras para gaita naquel tempo farto escasas. Esta búsqueda lévao a coñecer a Ricardo Santos quen, xa por aquel entón, tiña unha boa colección de música transcrita por el mesmo. Home desprendido onde os haxa, Ricardo provéeo dalgunhas pezas enxebres que lle serven para tomar conciencia do importante que é facer música e facela con fidelidade á fonte.

No ano 1986 trasládase, por motivos profesionais, a Pontevedra, vila na que entra en contacto con D. Ricardo Portela Bouzas. Nada máis asentarme quixen ir á casa de D. Ricardo. Fíxenme acompañar por Amando Fontán, bon amigo e alumno de Portela. Despois dun rato de charla díxome que sacara a gaita e que tocara algo. Toquei a 'jota da Mahía'. Despois tocouna el... (sen comentarios). Portela declinou aceptalo como alumno anque mantiveron unha boa amistade e frecuentes contactos. Estes contactos -e o ver tocar a Portela en diferentes ocasións- fixéronlle a Jose Presedo ver que o xeito de tocar pechado tiña algo que enchía a alma. Decidiuse, pois, a cambiar de estilo. Encargou, xunto con Fermín Martínez, gaiteiro de Os Trazantes de Tenorio, un punteiro en Do# a Xosé Seivane e lanzouse ó pechado da man de Fermín. Foron tempos duros xa que, afeito ó aberto, tardou en adaptarse, chegando mesmo a abandonar a gaita durante un par de anos.

Tempo despois coñeceu a Alvaro Novegil, gaiteiro que asimilara á perfección a técnica de Portela e volveulle a entrar o 'formigo' da gaita. Na compaña de Alvaro tocou nos grupos Marmurios de Leucoíña e Gandaina, cos que acudiu a concursos e diferentes actuacións: concurso de Ponteareas (1994), 'Con música propia' (CRTVG, 1996)... Dende entón comenza a compoñer para gaita. Froito disto resulta vencedor -en 1996 e 1998- do concurso 'Peza obrigatoria do Concurso de Gaitas de Ponteareas' coas muiñeiras 'O Albariño, muiñeira para Alvaro Novegil Dopazo' e ´Xan Tarabelo´, respectivamente, e participa na gravación do disco 'Festas en Poio' no que interpreta unha peza de composición propia xunto a dúas tradicionais de Poio.

Outro característica definitoria de Jose Presedo é o seu amor pola informática e as novas tecnoloxías, de tal xeito que xunta as dúas afeccións para o estudio da sonoridade da gaita e tratamento informátizado da súa música: publica un traballo sobre a afinación dos punteiros e da gaita en xeral; realiza programas de afinación e estudio de frecuencias nos punteiros; entra en contacto, via Internet, con gaiteiros de todo o mundo e participa, 'modestamente', con música galega en formato midi na páxina Web de Manuel Carro; colabora como mestre e co-creador do método de partituras cifradas para toque pechado na Escola de gaitas Marmurios de Leucoíña de Pontevedra... Na actualidade dedícase á investigación e colección de partituras para gaita e á informatización das mesmas cara á posta a disposición de quen as necesite, aproveitando os avances que nos brinda a época que vivimos.

Dispón dunha gaita mestura de Bao e Seivane e de un amplo arquivo de música e libros sobor da gaita. Gusta do contacto e o coñecemento da xente que comparte a súa afección pola gaita. Este afán dispárase coa súa volta ó pechado e o coñecemento de José Luis Calle, home ó que hai que agradecerlle, entre outras moitas cousas, que, a pesar de non ser galego de nacemento, leva a Galicia e a gaita tan dentro del como calquera de nós. A partir de aquí proponse coñecer á xente da gaita e facer, na medida das súas posibilidades que se coñezan entre eles moitos gaiteiros que, por mor de malos entendidos, envexas infundadas ou comentarios desafortunados non teñen trato ningún. É curioso. Tódolos gaiteiros que coñezo saben uns dos outros. Saben o que tocan, como tocan e onde e con quen. Sen embargo vense e non se din nin ola. Esto só conduce, na súa opinión, a que cadaquén tire da corda para o seu lado favorecendo só a algúns que, ante tan grande descoordinación, aproveitan 'pra levar a brasa á súa sardiña'.(...por certo, que teñan conta que, con tanto lume, igual se lles queima).

Extracto do texto do libro Doce Polainas Enteiras.

Na actualidade, e despois de ter publicado o libro Doce Polainas Enteiras, estou a traballar nun segundo volume na compaña de Astrid Filgueira, e en algún que outro proiecto de divulgación da nosa música.


Se tes algo que dicir: José J. Presedo.