Marcha dos Cheiñas

Cantiga de Aurelio, o gaiteiro desertor, que perdeu a sua honra por mor dun mal licor.


Contan os vellos que de nenos contaban os vellos
longas historias dun gaiteiro chamado Aurelio.
Home ben feito, sempre ergueito, pelo en peito a eito,
a sua monteira relocia que daba medo.

E non podía haber romaxe, ruada ou feirón
se non sopraba el na sua gaita en Si bemol.
En chegando ao lugar xa se lle sentía tocar,
na corredoira por entre o piñeiral...

Vaia fachenda a do Aurelio, era o rei da festa,
xotas, mazurcas, pasodobres e mais muiñeiras,
mozos e mozas a choutar en roda ou en parella,
xolda a fartar até pediren acougo as pernas.

Entón pousaba o fol, con toda a xente ao seu redor,
e púnase a cantar contos de ciumes e paixóns,
e cando todos xa adoecían co final,
inflaba a gaita e volvía tocar...

Mais, coma todo neste mundo, Aurelio tiña un prezo,
era perciso lle cumprir un requerimento:
tiña por lei manter mollada a gorxa e a palleta
cunha botella da millor caña da que houbera.

Ollábaa ao contraluz pra comezar o ritual,
abaneábaa ben, pra ver como era o repousar,
tiraba do tapón, botaba un grolo pra probar
e a gaita daba a sua sentencia final...

Contan do Aurelio que a sua sona chegou tan arriba
que o reclamaron pra que fora tocar á vila.
Dende aquel día os que o viron contan que mudara,
dende as cirolas á monteira e mesmo de gaita.

Marmuran por aí, ainda que hai moito fanfarrón,
que o viron desfilar con saia corta por calzón,
moitos non queren crer até que non o poidan ver,
seica no canto dun roncón leva tres.

Nas corredoira nas aldeas, rúas e tabernas,
ninguén lle atopa algo con siso a tanta desfeita.
É que non rexe, é a idade, é o aire da cidade,
foi un mal de ollo, é cousa da popularidade.

A única versión da que ninguén discute xa
conta que certa vez Aurelio foi tocar a un ' pub'
e cando reclamou a sua botella de rigor
puxéronlle a probar un '100 gaiteiros' e un LongJohn.

Asi que escoita ti, se es gaiteiro do pais,
toma coidado que na vila hai moito lampantín,
non debes esquecer que a boa esencia dun licor
está no seu sabor, non na etiqueta a toda cor.

xosé lois romero


Se tes algo que dicir: José J. Presedo.